O Sabor das Margaridas iniciará a gravación da súa segunda tempada en novembro

luns, 14 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Equipo da serie coproducida por CTV, TVG e Comarex

A serie de televisión O Sabor das Margaridas non só destacou por ser a primeira serie en lingua galega en chegar a Netflix, senón que tamén foi todo un éxito de audiencia, polo que non hai dúbidas á hora de definila como «a serie en galego máis vista da historia», tal e como salienta Ghaleb Jaber Martínez, director de proxectos de CTV, produtora que xunto coa TVG e Comarex fixeron posible este proxecto audiovisual que encara agora a súa segunda tempada, xa en fase de preprodución co desenvolvemento da selección do reparto, prevéndose o inicio da súa rodaxe a primeiros do mes de novembro.

María Mera, Noelia Castaño, Rebeca Stones, Sara Sanz, Santi Prego e David Seijo formarán parte do reparto da nova tempada da serie

A segunda tempada de O Sabor das Margaridas contará con 6 capítulos duns 70 minutos de duración cada un, dirixidos por Álex Sampaio con guión orixinal de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias. No reparto da segunda tempada recuncan María Mera e Sara Sanz, a quen se unen o actor vigués Santi Prego (considerado un actor revelación a nivel estatal pola súa participación en Mientras dure la guerra), a actriz arxentina Noelia Castaño, a actriz e youtubeira viguesa Rebeca Stones, e o actor arousán David Seijo.
Os novos episodios da serie tomarán un cariz máis urbano, mantendo o seu estilo galician noir que caracterizou a esta ficción dende o primeiro momento, e confían en que poidan verse na Televisión de Galicia a partires do mes de marzo.

PUBLICIDADE