O Samsung GALAXY S4 supera os 10 millóns de unidades vendidas en menos dun mes

xoves, 23 de maio do 2013 Marcus Fernández

Finalmente as previsións de Samsung cumpríronse e hoxe anuncian que o seu GALAXY S4 conseguiu superar os 10 millóns de unidades vendidas a menos dun mes do seu lanzamento comercial, estimando o fabricante que o seu novo móbil estrela está a vender a razón de 4 unidades por segundo. Deste xeito o GALAXY S4 converteríase no smartphone que máis rápido vendeu na historia da compañía surcoreana, superando amplamente os 50 días que tardou en chegar aos 10 millóns o GALAXY S III, os 5 meses que tardou o GALAXY S II e os 7 meses do GALAXY S, dando a impresión de que será moi difícil poder manter ese pulo en futuros móbiles ante as dificultades de fabricar e distribuír tal volume de dispositivos en tan pouco tempo.
Actualmente o Samsung GALAXY S4 está dispoñible en máis de 110 países, agardando chegar paulatinamente a un total de 155 países a través de 327 partners. A compañía surcoreana tamén anunciou que aparte das dúas cores (branco e negro) nas que está dispoñible actualmente o GALAXY S4, para o verán preparan modelos en azul e vermello, mentres que para o outono terían tamén versións en púrpura e marrón.

O HTC One tamén trunfa

Pero Samsung non é o único fabricante que está a ter éxito co seu móbil estrela, senón que HTC tamén conseguiría uns resultados magníficos co seu HTC One, que conseguiu vender 5 millóns de unidades, cantidade que non está a ser maior porque a compañía taiwanesa non está a ser quen de atender a alta demanda deste móbil que destaca polo seu deseño coidado e bo acabado, estando considerado como un dos terminais con Android máis atractivos do mercado.

PUBLICIDADE