O Samsung GALAXY S5 Plus ve a luz cun procesador Snapdragon 805

mércores, 22 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O Samsung GALAXY S5 veu a luz na pasada edición do Mobile World Congress, e como nestes meses os saíronlle moitos competidores, o fabricante surcoreano está a comezar a distribuír internacionalmente unha pequena revisión deste smartphone que actualizaría o seu procesador e melloraría a súa conectividade 4G, atendendo ás demandas dos usuarios máis esixentes.
Polo momento o novo Samsung GALAXY S5 Plus podemos velo na páxina web de Samsung nos Países Baixos, e como grande mellora vemos como o móbil insignia de Samsung conta cun procesador Qualcomm Snapdragon 805 de catro núcleos a 2,5 GHz en vez do Snapdragon 801, equiparándose así ao máis recente GALAXY Note 4. A actualización de procesador tamén permite que a conectividade LTE poida chegar agora até os 225 Mbps, velocidade da que poderán tirar proveito os afortunados que estean nunha zona con cobertura LTE-A.
O terminal conserva o resto de prestacións do seu modelo anterior, como son os 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 128 Gb), pantalla Super AMOLED de 5,1 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, cámaras de 16 e 2 Mpíxeles, batería de 2.800 mAh, un grosor de 8,1 milímetros e un peso de 145 gramos.

O novo smartphone está dispoñible con carcasas traseiras de distintas cores

PUBLICIDADE