O Samsung Galaxy A51 chega a España

venres, 10 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Samsung anunciou hoxe o lanzamento en España dos seus novos smartphones da gama Galaxy A, o Galaxy A71 e o Galaxy A51, que ofrecen moitas das prestacións propias da gama alta a un prezo bastante máis asumible. Este tipo de terminais de Samsung foron todo un éxito ao longo de 2019, demostrando a boa aceptación que teñen as baterías de longa duración, as cámaras múltiples e as pantallas case sen marcos en dispositivos con prezos axustados.
O smartphone máis vendido por en España o ano pasado foi o Samsung Galaxy A50, e agora sae á venda o que estaría chamado a ser o seu sucesor, o Galaxy A51, que parte dun prezo de 369 euros.
Este novo teléfono conta cun procesador de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,5 polgadas que integra unha cámara frontal de 32 Mpíxeles nun orificio superior central e lector de pegadas, ten unha cámara traseira cuádrupla (cun sensor principal de 48 Mpíxeles), dobre SIM e batería de 4.000 mAh con carga rápida de 15 watts. Dende Samsung salientan que, aparte da versatilidade das cámaras múltiples (que permiten tanto retratar obxectos próximos con macro como recoller todo o que acontece en 123 graos grazas a un ultra grande angular), tamén conta con estabilización de imaxe na gravación de vídeo, de xeito que podemos realizar gravacións ou retransmisións de vídeo en directo cunha calidade semellante á que conseguiríamos cunha cámara de acción.
O 3 de febreiro sairá á venda un móbil lixeiramente superior, o Galaxy A71, que custará 469 euros, e mellora incrementando a pantalla até as 6,7 polgadas, a RAM até os 6 GB, a cámara principal até os 64 Mpíxeles e a batería até os 4.500 mAh (con carga super rápida a 25 watts).

PUBLICIDADE