O Samsung Galaxy J7 Duo inclúe cámara traseira dual

mércores, 11 de abril do 2018 Marcus Fernández

Aínda que Samsung tardou en incorporar a cámara dual nos seus smartphones, comezando polo Note8 e conseguindo ir un paso máis aló co Galaxy S9+, non quere deixar tal tendencia só na gama alta, e tamén chegarán ás súas liñas máis económicas, como podemos ver co Samsung Galaxy J7 Duo, terminal que vén de saír á venda na India a un prezo de 16.990 rupias (uns 211 euros) e que destaca por contar con cámaras traseiras de 13 e 5 Mpíxeles cunha apertura f/1.9 que permite gozar do desenfoque de fondo para fotografías de retratos. A cámara frontal, pola súa banda, confórmase cun sensor de 8 Mpíxeles e carece de prestacións extraordinarias.
Este novo teléfono está equipado cunha pantalla Super AMOLED de 5,5 polgadas con definición HD, procesador de 8 núcleos a 1,6 GHz, 4 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, batería de 3.000 mAh con carga rápida e sen fíos e sistema operativo Android 8.0, polo que teriamos un smartphone cunhas prestacións bastante xustas en liñas xerais, pero cunha cámara que achega o tan célebre modo retrato, de xeito que podería converterse en todo un supervendas nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE