O Samsung Galaxy M31s terá unha batería de 6.000 mAh

venres, 31 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A serie M de Samsung continúa a medrar, comezando o lanzamento de novos terminais pola India como vén a ser habitual, e como novo integrante temos o máis que salientable Galaxy M31s, que sairá á venda o vindeiro 6 de agosto a un prezo de 20.499 rupias (231 euros) con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento ou a 22.499 rupias (254 euros) con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento.
O Samsung Galaxy M31s ten unha pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,5 polgadas cun orificio superior central para a súa cámara frontal de 32 Mpíxeles, procesador Exynos 9611 de 8 núcleos, dobre SIM, ampliación do seu almacenamento interno mediante tarxetas de memoria de até 512 GB e un deseño que destaca fronte ao resto da súa familia por ser o primeiro en contar con pantalla perforada e unha carcasa en cor azul ou negra con efecto de degradado.
Pero os puntos fortes deste smartphone son concretamente dous: por unha banda a súa cámara cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles, un ultra grande angular de 12 Mpíxeles, un sensor de profundidade de 5 Mpíxeles e un macro de 5 Mpíxeles que sorprende por contar coa función captura única (que pode disparar até 10 fotografías e vídeos cunha única toma) propia de móbiles de alta gama; e por outra banda tamén ten unha impresionante batería de 6.000 mAh con carga rápida de 25 watts que podería cargarse completamente en 97 minutos e que, ante a súa alta capacidade, incorpora a opción de cargar outros dispositivos a través de USB-C.

Vídeo promocional do Galaxy M31s

PUBLICIDADE