O Samsung Galaxy S Advance chegará ao mercado a finais de mes

venres, 3 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

Aínda que parece que do Samsung Galaxy S III non vaia saberse nada ata despois do lanzamento do iPhone 5, o fabricante surcoreano non deixa de ampliar a súa familia Galaxy, e durante o Mobile World Congress agárdase que amose en profundidade terminais coma o novo Samsung Galaxy S Advance (GT-I9070), do que un blog filipino vén de adiantar fotografías e un vídeo co terminal en vivo, indicando que o seu lanzamento será a finais deste mesmo mes.
O Samsung Galaxy S Advance sería unha mestura do Galaxy S II e o Nexus S, contando cunha pantalla curva Super AMOLED de 4 polgadas con resolución WVGA, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 768 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático e flash e cámara frontal de 1,3 Mpíxeles, conectividade HSDPA ata a 14,4 Mbps, Wi-Fi, Bluetooth, GPS, radio FM e batería de 1.500 mAh, ou sexa, que estariamos ante un móbil moi semellante ao Galaxy S Plus, que conta cun procesador dun núcleo a 1,4 GHz, 512 Mbytes de RAM e batería de 1.650 mAh como principais diferenzas.


O novo terminal visto en vídeo

PUBLICIDADE