O Samsung Galaxy S Hoppin busca levar contidos multimedia ao televisor

martes, 25 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

Samsung continúa a apostar con forza polos seus terminais telefónicos co sistema operativo Android facendo medrar cada vez máis a súa familia Galaxy, que vén de recibir a un novo integrante: o Samsung Galaxy S Hoppin.
Estamos ante un móbil moi semellante aos Galaxy S que podemos ver en España actualmente, pero engadindo unha saída de vídeo dedicada que busca empregar o terminal coma un reprodutor multimedia conectado ao televisor, o que facilita a través de 2 interesantes accesorios: unha estación de carga que facilita a conexión do móbil co televisor e un mando a distancia con teclado.
O Samsung Galaxy S Hoppin ten unha pantalla SuperAMOLED de 4 polgadas, 512 MB de RAM, Bluetooth 3.0, Wi-Fi, A-GPS, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb), cámara de 5 Mpíxeles, sistema operativo Android 2.2 e sintonizador de televisión dixital móbil (baixo o estándar surcoreano).
Este novo terminal está xa á venda en Corea do Sur, sendo unha incógnita se teremos no mercado europeo móbiles equivalentes. Amais, o operador SK Telecom pretende comercializar milleiros de películas, series de televisión e vídeos musicais pensando neste novo tipo de dispositivos multimedia conectados.

O Galaxy S Hoppin ten accesorios como unha base de carga e un mando a distancia con teclado

PUBLICIDADE