O Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo conmemora o Día do Neno

mércores, 20 de novembro do 2019 Redacción

Hoxe celébrase o 30 aniversario da Convención sobre os Dereitos do Neno (o chamado “Día do Neno” a nivel internacional) e as nosas institucións non quixeron deixar pasar a ocasión de celebralo e poñer o foco na necesidade de xuntar forzas para protexer á rapazada e fomentar integralmente o seu benestar, a súa saúde e a súa educación. Por exemplo a Deputación de Lugo, que tingue hoxe de cor azul a fachada da súa sede na cidade da Muralla, o Pazo de San Marcos, amais de lanzar material conmemorativo en imaxes.
Deste xeito, nun dos mupis da praza situados fronte ao edificio provincial, estase a proxectar ao longo de todo o día de hoxe un vídeo elaborado polo Servizo de Audiovisuais da entidade provincial (antiga Fundación TIC) con imaxes de nenos e nenas de diferentes países e etnias. Esta peza compleméntase co lanzamento nas redes dunha peza informativa sobre a necesidade de avanzar en concienciación e sensibilización. O obxectivo, en palabras da Deputación, é “visualizar os desafíos aos que se enfronta a infancia ao redor do mundo en materia de saúde, nutrición e educación”. A Deputación súmase así á rede de Cidades Amigas da Infancia en Galicia, que iluminarán os seus monumentos máis emblemáticos.

PUBLICIDADE