O Sharp Aquos R6 será o primeiro móbil cun sensor de cámara de 1 polgada

mércores, 19 de maio do 2021 Marcus Fernández

Sharp vai comercializar no Xapón o seu novo Aquos R6, un smartphone insignia con procesador Qualcomm Snapdragon 888 5G, 12 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 1 TB), pantalla OLED de 6,6 polgadas cunha resolución de 2.730 x 1.260 píxeles, batería de 5.000 mAh e resistencia IPX8/IP6X, que está a sorprender o mundo por contar cunha cámara de 20 Mpíxeles certificada por Leica (marca que acompañou nos últimos anos a Huawei) que ten un sensor de 1 polgada, converténdose no primeiro smartphone do mundo en contar cun sensor tan grande, o que garante fotografías moi luminosas.
Non se espera que este smartphone chegue a venderse fóra do Xapón, pero o feito de que conte cunha cámara cun sensor máis propio de cámaras de acción leva a entender que nos vindeiros meses veremos outros móbiles avanzando neste camiño para conseguir imaxes de maior calidade.
O feito de que Leica apadriñe este móbil tamén esperta certo interese, xa que dá a entender que o acordo desta marca con Huawei rematou, e outros fabricantes poderán colaborar con Leica para a mellora das súas cámaras.

PUBLICIDADE