O Sony Ericcson T707, o móbil de María Sharapova

venres, 27 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Sony Ericsson fai uso da imaxe da tenista María Sharapova para anunciar o seu novo terminal telefónico T707, que destaca polo seu elegante deseño, factor que podería ser decisivo na súa comercialización, por achegalo a un público moi amplo que habitualmente non optaba por este fabricante.
O Sony Ericsson T707 ten formato de cuncha, conta cunha pantalla TFT de 2,2 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles na súa parte interior (complementada por unha pantalla OLED externa de 1,1 polgadas), 100 Mbytes de memoria interna ampliable mediante tarxetas Memory Stick Micro ou microSD, reprodución de MP3, radio FM con RDS, cámara de 3,2 Mpíxeles, conectividade GSM/GPRS/UMTS/EDGE/HSDPA, Bluetooth, navegador web completo, servizos preinstalados (coma YouTube, Google Maps, correo electrónico ou mensaxería instantánea), efectos luminosos e detección de xestos para silenciar chamadas ou alarmas.
Este interesante móbil mide 93 x 50 x 14,1 mm, pesa 95 gramos, unha autonomía de ata 400 horas en espera e 10 ou 4 en conversa (segundo empregue conectividade 3G ou GSM respectivamente), e sairá á venda no segundo trimestre do ano en 3 cores: negro misterioso, rosa primavera e azul lúcido.
Durante a presentación deste terminal, Sharapova asegurou que co seu novo móbil «nunca perdo unha chamada grazas aos rechamantes efectos de luz e configuración de pulsación personalizada e adoro que poda mover a miña man para silenciar unha chamada co control de xestos. Tamén fago uso do meu práctico e elegante auricular Bluetooth HBH-PV715 para responder ás miñas chamadas, comprobar os seus correos electrónicos e escribir anotacións no meu blog dende o teléfono».

PUBLICIDADE