O Surface Duo chega a España

mércores, 9 de xuño do 2021 Marcus Fernández

En 2019 Microsoft sorprendeu anunciando que estaba a traballar nunha versión de Windows orientada á dobre pantalla (que finalmente foi desbotada) e incluso nun smartphone con dobre pantalla que funcionaría con Android, o Surface Duo, que chegou ao mercado norteamericano o ano pasado, e que finalmente estará dispoñible para as empresas españolas a un prezo recomendado de 1.549 euros.
Microsoft busca que este dispositivo sexa unha ferramenta de grande utilidade para os ámbitos empresarial e educativo, ofrecendo unha maior produtividade grazas á dobre pantalla, á vez que pode presumir de ser o primeiro Surface que colle no peto.
O Surface Duo está equipado con dúas pantallas táctiles de 5,6 polgadas unidas por unha bisagra de 360 graos que pode sumar unha superficie total de 8,1 polgadas cunha resolución total de 2.700 x 1.800 píxeles, que facilita o uso de dúas aplicacións á vez, tirar proveito de aplicacións orientadas a un uso multipantalla ou empregar unha das pantallas como teclado táctil. Tamén conta con lector de impresións dixitais, conexión USB-C 3.1 para carga rápida de 18 watts ou saída de vídeo, cámara de 11 Mpíxeles capaz de gravar vídeo 4K e todo nun grosor de 4,8 milímetros por pantalla, de xeito que este trebello encartado ten un grosor de só 9,9 milímetros, o que é bastante semellante a un smartphone, mantendo o seu peso nuns discretos 250 gramos. Un produto que resulta especialmente interesante como concepto, á espera de que o software poida tirar proveito das súas posibilidades.
En calquera caso, cómpre lembrar que o Surface Duo é un produto que poida considerarse competitivo, xa que o seu procesador era o propio de smartphones de 2019, a súa batería é de só 3.577 mAh (algo que incluso parece deficiente para un móbil cunha única pantalla) e o moito máis moderno Samsung Galaxy Z Fold 2 5G resulta máis económico (en tendas como MediaMarkt custa actualmente 1.518 euros mentres que en tendas en liña pode atoparse por preto de 1.100 euros).

Vídeo promocional do Surface Duo

PUBLICIDADE