O Surface Laptop 4 custará a partir de 1.129 euros

martes, 13 de abril do 2021 Marcus Fernández

Microsoft está a renovar os seus ordenadores portátiles da familia Surface, e así temos xa a posibilidade de reservar un dos novos Surface Laptop 4, que chegarán ao mercado o vindeiro día 27 a prezos que parten dos 1.129 euros, e que estarán dispoñibles con pantalla táctiles PixelSense de 13,5 e 15 polgadas, permitindo que os usuarios tamén poidan optar por facer con versións con procesador Intel Core de 11ª xeración ou AMD Ryzen Mobile con gráfica Radeon.
Deste xeito temos que ao configurar un novo equipo podemos partir dun Surface Laptop 4 con procesador AMD Ryzen 5 4680U con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento e pantalla de 13,5 polgadas e chegar até un procesador Intel Core i7 con 32 GB de RAM, 1 TB de almacenamento e pantalla de 15 polgadas (caso no que o equipo elevaría o seu prezo até os 2.699 euros).
Estes novos equipos integran cámara frontal HD de alta sensibilidade (para contornos pouco iluminados) e micrófonos de estudio, de xeito que ofrecen unha boa experiencia en xuntanzas virtuais; tamén contan con pantalla de alto contraste e altofalantes Omnisonic con Dolby surround; e tamén prometen unha grande experiencia de uso grazas ao seu teclado de calidade e ao seu preciso trackpad con xestos multitáctiles.
Os Surface Laptop 4 son equipos que buscan recoller o coñecemento adquirido por Microsoft coas tabletas Surface e levado a equipos cun formato máis tradicional, polo que son especialmente recomendados para incondicionais do hardware da compañía de Redmond.

Vídeo de presentación do Surface Laptop 4

PUBLICIDADE