O Surface Laptop e a nova Surface Pro sairán á venda o vindeiro día 15

xoves, 8 de xuño do 2017 Marcus Fernández

O mes pasado Microsoft presentou o seu ordenador portátil Surface Laptop e a súa tableta Surface Pro, e esta mañá dende Microsoft Ibérica confirmaron que teremos estes produtos no mercado español a partires do vindeiro día 15, en contraste con outros lanzamentos da compañía de Redmond, que normalmente facíanse esperar moitos meses antes de chegar a España.
Na presentación realizada en Madrid destacouse que o novo Surface Pro é «un produto maduro que permite sacar todo o proveito á experiencia Windows 10, con tecnoloxías en auxe como a escritura dixital», mentres que o Surface Laptop destaca como «un potente dispositivo cun deseño fino e lixeiro, que chega para levar a experiencia Surface a novos usuarios».
Cómpre salientar que o Surface Laptop sería o primeiro ordenador portátil puro fabricado por Microsoft e, aínda que non se espera que teña unhas vendas masivas, busca marcar unha senda para outros fabricantes como xa fixera no pasado coas tabletas Surface Pro.
Ao Surface Pro tamén o acompañarán novos accesorios como a Funda con teclado para Surface Pro Edición Signature, que conta cun mecanismo de elevado de alta calidade e un espaciado entre teclas de 1,3 milímetros para unha escritura máis rápida e precisa, á vez que tamén está cuberto con tecido Alcantara, que busca unha maior comodidade e unha estética máis coidada. O lapis para Surface renóvase cunha versión con 4.096 niveis de presión que gaña velocidade e incluso é sensible á inclinación, polo que resulta ideal para artistas.
Estes novos produtos terán prezos de 179,99 euros para a nova funda teclado para Surface Pro e 109,99 euros para o lapis para Surface; mentres que o Surface Pro ten un prezo de saída de 949 euros e o Surface Laptop partirá dos 1.149 euros. Estes últimos equipos poderán gozar dun desconto do 10% para estudantes.
Adicionalmente dende Microsoft deixaron caer que o seu ordenador todo-en-un, o Surface Studio, si chegará a España nos vindeiros meses, aínda que non se atreveron a pór unha data concreta para a comercialización española dun dos equipos máis revolucionarios dos últimos anos.

PUBLICIDADE