O Surface Pro 3 aspira a ocupar o lugar dos ordenadores portátiles

martes, 20 de maio do 2014 Marcus Fernández

Microsoft presentou hoxe a nova xeración do seu tablet máis potente, e con Surface Pro 3 teñen claro ter acadado o nivel suficiente para poder substituír completamente a un ordenador portátil coa versatilidade dun tablet, converténdose nun equipo válido para funcións de produtividade, para consumir contidos no tempo de lecer e incluso para executar videoxogos, mantendo un peso lixeiro e un deseño delgado.
O Surface Pro 3 tería aprendido a lección dos seus anteriores modelos, e aparte da grande potencia que achega o seu procesador Intel Core de cuarta xeración (con opcións de Intel Core i3/i5/i7) e a folgura dos seus 4/8 Gb de RAM temos un detalle que será decisivo para o seu éxito: o equipo inclúe unha pantalla de 12 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles, o que permítelle ser suficiente para traballar sen ter que conter o escritorio nunhas reducidas 10,1 polgadas. Para completar o equipo tamén temos que o seu almacenamento interno móvese entre os 64 e os 512 Gb, integra un porto USB 3.0 de tamaño completo (para poder conectar periféricos sen ter que empregar cables adaptadores), un porto Mini DisplayPort para facilitar o seu uso con pantallas externas e un lector de tarxetas de memoria microSD para ampliar a súa capacidade de almacenamento interna.
O novo tablet de Microsoft tamén mellora a peaña que integra na súa parte traseira, que facilita a súa colocación sobre o escritorio, e que permite oscilar entre unha inclinación de 0 a 150 graos. Os seus teclados externos tamén incrementan un 63% o tamaño dos seus paneis táctiles para conseguir un control máis preciso. Outro accesorio de grande importancia é o lapis premium que inclúe, que ten o tamaño dun lapis real, e unha construción de aluminio, que en combinación coa tecnoloxía de bloqueo táctil cando se detecta o seu uso permite converter a pantalla do tablet nun lenzo sobre o que tomar anotacións, escribir e mesmo debuxar.
Microsoft incluso atrévese a comparar o Surface Pro 3 cos equipos estrela de Apple, e asegura que o seu novo Surface ten a metade de grosor que un MacBook Pro e incluso é un 30% máis delgado que un MacBook Air de 11 polgadas, elemento que non impide que conseguise unha autonomía de ata 9 horas. A nivel de cámaras tamén supera aos equipos de Apple, pois o Surface Pro 3 integra dúas cámaras de 5 Mpíxeles en vez dunha cámara frontal de 720p.
O Surface Pro 3 comeza a aceptar pedidos, que comezarán a atenderse o 20 de xuño en EE.UU. e Canadá, e que no caso español haberá que agardar ata finais de agosto para poder ver o novo equipo nas tendas. O prezo de saída é de 799 euros para o modelo con procesador Intel Core i3 e 64 Gb de almacenamento interno, resultando bastante competitivo o modelo con Intel Core i5 e 128 Gb de capacidade, que mantén o prezo nos 999 euros, o que podería verse como unha grande ameaza para o MacBook Air.
A partir do modelo con Intel Core i5 e 256 Gb de almacenamento interno, que custa 1.299 euros, teriamos xa 8 Gb de RAM, en vez dos 4 Gb do modelo básico, o que xa sería unha configuración moi avanzada, que sitúa o equipo nunha boa posición dentro dos portátiles para usos profesionais. A configuración máis avanzada do equipo chegaría a un procesador Intel Core i7 e 512 Gb de almacenamento interno por 1.949 euros.


Vídeo de presentación do Surface Pro 3

PUBLICIDADE