O Ubislate 7+ será o novo tablet para os estudantes da India

venres, 16 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Dende a India souberon captar a atención de boa parte do sector tecnolóxico mundial ao promover o uso de tablets entre os seus estudantes, para o que deseñaron un dispositivo moi económico chamado Aakash, e que, aínda que as súas prestacións son moi limitadas, parece que a experiencia resultou satisfactoria e o ministro Kapil Sibal anunciou que xa preparan o seu sucesor, o Ubislate 7+, que mellorará os seus compoñentes e prestacións e pretende estrearse no mes de abril a un prezo de 2.00 rupias (pouco máis de 30 euros).
O novo tablet contará cunha pantalla capacitiva de 7 polgadas, un procesador ARM Cortex A8 a 700 MHz, batería de 3.200 mAh (cunha autonomía de 3 horas) e sistema operativo Android 2.3, ou sexa, que sería considerablemente máis rápido que o Aakash e contaría cunha hora máis de autonomía. Cómpre destacar que terá tanto Wi-Fi como GPRS, ou sexa, que poderá funcionar coma teléfono e gozar de acceso á Rede móbil, para o que ofertan conexións a só 98 rupias/mes (1,5 euros/mes) para unha transferencia de 2 Gbytes. O trebello tamén conta con USB para ampliar as súas posibilidades (modems 3G, webcams, teclados...) e fenda microSD para ampliar a súa capacidade interna.

PUBLICIDADE