O Xelmírez I de Santiago acolle unha xornada sobre drons da man de GAIN

martes, 14 de febreiro do 2017 Redacción

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) no IES Arzebispo Xelmírez I en Santiago de Compostela organizan este mércores 15 de febreiro, no dito centro educativo, unha xornada formativa sobre o proxecto innovador Civil UAV Initiative. Na cita, con arrinque previsto para as 10.45 horas, farase un repaso polo dito proxecto innovador galego e as súas implicacións: a través del estase a crear un polo aeronáutico no aeródromo de Rozas, en Lugo, apoiado na investigación arredor dos drons e os sistemas que se poden instalar neles para solucionar problemas da sociedade actual.Ao remate da xornada realizarase una demostración dos sistemas aéreos non tripulados para uso civil e deportivo.
A xornada, enmarcada no Programa Galego de Formación para a Innovación nas Ensinanzas Medias (In.Formate) da axencia GAIN, será inaugurada ás 10.45 horas por Patricia Argerey Vilar, directora xeral deste organismo da Xunta. A cita tamén dará acubillo a diversos relatorios divulgativos e unha mesa-debate. Como dixemos, contra as 13.00 horas (hora aproximada do remate das sesións) realizarase unha demostración de UAV (sistemas aéreos non tripulados; nas súas siglas en inglés) para uso civil e uso deportivo no Instituto.

PUBLICIDADE