O Xiaomi Mi Note PRO sairá á venda a semana que vén

mércores, 6 de maio do 2015 Marcus Fernández

O pasado mes de xaneiro anunciáronse os novos tabletófonos de Xiaomi, que co Mi Note PRO parecían querer colocarse á cabeza do seu segmento de smartphones a nivel mundial (cando menos no que a especificacións se refire) e finalmente prepárase o seu lanzamento, de xeito que esta mañá o director xeral de Xiaomi, Lei Jun, confirmou en rolda de prensa que teriamos o novo dispositivo á venda o vindeiro día 12 a un prezo de 2.999 iuans (426,82 euros), o que supón un prezo 299 iuans menos ao previsto.
Aparte de coñecerse a data de lanzamento no mercado chinés deste atractivo smartphone, tamén coñecemos por fin as súas especificacións completas, que son de auténtico infarto, xa que o Mi Note PRO chega cunha pantalla de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles (o que supón unha densidade de 515 puntos por polgada) cunha tecnoloxía que facilita o se uso baixo a luz do sol, procesador Qualcomm Snapdragon 810 de 8 núcleos e 64 bits (que promete ter solucionado os problemas de calor que denunciara Samsung hai uns meses), 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxes, sensor CMOS Sony IMX214 e controis máis propios dunha cámara réflex, cámara frontal de 4 Mpíxeles, conectividade LTE de até 450 Mbps, Wi-Fi AC e batería de 3.090 mAh. O seu acabado tamén parece bastante coidado, con cristal curvo 3D na súa traseira e cristal curvo 2,5D na súa parte frontal, aínda que os amantes dos terminais de grande potencia estarán máis interesados en saber que este móbil consegue unha puntuación en AnTuTu de 63.424 (superando os 62.373 puntos que consegue o Samsung Galaxy S6 Edge, que é o terminal máis desexado neste momento).

PUBLICIDADE