O Xiaomi Mi4 xa é compatible con Windows 10
xoves, 3 de decembro do 2015
Para
gozar de Windows 10 nun terminal de boas prestacións non é preciso adquirir un
dos últimos Lumia 950 e 950 XL con prezos de 599 e 699 euros respectivamente, senón
que existen opcións moito máis económicas como facernos cunha das versións 4G
do Xiaomi Mi4, smartphone que pode mercarse por menos de 300 euros e conta con
boas prestacións (pantalla Full HD de 5 polgadas, procesador Qualcomm
Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHZ e 3 GB de RAM) que dende
hoxe conta cunha ROM oficial para poder cargarlle Windows 10, o que permite
darlle unha nova vida, e abrir un dispositivo que viña de fábrica con Android
4.4 ás oportunidades que ofrece o sistema operativo móbil de Microsoft.
Para poder instalar Windows 10 no Xiaomi Mi4 temos que descargar unha aplicación de flasheo, a mencionada ROM e inscribirse no programa Microsoft Insider.
Podemos así converter un móbil con Android nun dispositivo con Windows 10,
sendo posible en calquera momento devolver o terminal ao seu sistema operativo
anterior (MIUI).
Ábrese deste xeito unha nova canle a través de que dar o salto a Windows 10 no
móbil, que nun principio faise grazas á colaboración de Xiaomi, pero que moitos
usuarios consideran que podería abrir a porta a poder instalar Windows 10 en numerosos
smartphones con Android, xa que non debería de haber moita diferenza entre eles
e o terminal de Xiaomi, aínda que o máis desexable sería que os propios
fabricantes chegasen a acordos con Microsoft para que Windows 10 non estea
acaparado pola familia de terminais Lumia.
Joe Belfiore anunciando que Windows 10 xa pode gozarse no Xiaomi Mi4