O Xiaomi Redmi Note 3 contará con carcasa metálica, lector de pegadas dixitais e batería de 4.000 mAh

martes, 24 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses está a causar furor entre os seareiros dos móbiles chineses o Xiaomi Redmi Note 2, por incorporar o procesador do HTC One M9+, o MediaTek Helio X10, que está a converterse en todo un referente nos smartphones chineses por achegar unha elevada potencia e un consumo axustado a un prezo reducido, o que levou a fabricante chinés a repetir a súa aposta e renovar este terminal con detalles que o permitirían competir cara a cara con outros dos produtos revelación dos últimos meses, o Zuk Z1, xa que tamén opta por acabado metálico, lector de pegadas dixitais e batería de alta capacidade.
O RedMi Note 3 chega así como un smartphone con pantalla Full HD de 5,5 polgadas, procesador Helio X10, 2/3 Gb de RAM, 16/32 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 13 Mpíxeles con flash duo-ton e frontal de 5 Mpíxeles con 36 perfís smart beauty, lector de pegadas dixitais na súa parte traseira (capa de desbloquear o móbil en 0,3 segundos), Wi-Fi AC, dobre SIM 4G, carcasa metálica (en cor prata, gris escuro e ouro), batería de 4.000 mAh de alta densidade (de xeito que consegue manter o terminal nun peso e nunhas dimensións moi reducidas), un grosor de 8,65 milímetros, un peso de 164 gramos e sistema operativo MIUI 7 (baseado en Android Lollipop).
O máis rechamante deste novo smartphone é que, pese ás súas elevadas prestacións e o seu coidado acabado, consegue manter o prezo moi axustado, custando o seu modelo con 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno só 899 iuans (132 euros), e o modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento só 1.099 iuans (161,41 euros). Uns smartphones que claramente van facer tremer a gama media durante os vindeiros meses, poñéndollo realmente complicado aos grandes fabricantes, que terán complicado xustificar os seus prezos.

O Xiaomi Redmi Note 3 chegará en varias cores, coidado deseño e elevadas prestacións cun prezo moi axustado

PUBLICIDADE