O Xperia XZ Premium será o primeiro smartphone con pantalla 4K con HDR

luns, 27 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O LG G6 non vai ser o único smartphone presentado en Barcelona que presume de pantalla, e Sony tamén está a colocar baixo os focos o Xperia XZ Premium, un teléfono de auténtico luxo que quere levar por bandeira o seres o primeiro smartphone en contar cunha pantalla 4K con HDR. Pero a impresionante pantalla de 5,5 polgadas non será o único elemento no que este dispositivo será pioneiro, senón que a súa cámara traseira de 19 Mpíxeles sorprende coa súa tecnoloxía Motion Eye que permite gravar vídeo a 960 imaxes por segundo, conseguindo unha cámara superlenta como nunca se viu antes nun teléfono móbil. A nivel fotográfico tamén promete unha grande calidade de imaxe incluso en condicións de pouca luminosidade, polo que, sumando o seu coidado deseño, non parece haber dúbidas en que estamos ante un teléfono que destaca nos factores que máis parece apreciar o consumidor.
O Xperia XZ Premium funcionará cun procesador Qualcomm Snapdragon 835 (que xunto co seu modem X16 LTE podería soportar descargas a través de 4G de até 1 Gbps), chegará equipado con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, cámara frontal de 13 Mpíxeles, Bluetooth 5.0, NFC, USB 3.1 tipo C, batería de 3.230 mAh con carga rápida (Qualcomm Quick Charge 3.0) e, para completar a ecuación, protección Corning Gorilla Glass 5 por diante e por detrás, resistencia á auga e compatibilidade co xogo remoto de PlayStation 4.
Este novo smartphone de Sony iniciará a súa comercialización global a finais da primavera, descoñecéndose polo momento o seu prezo de venda (presumiblemente elevado).

A pantalla 4K con HDR do Xperia XZ Premium permitirá gozar de contidos de grande calidade de servizos como Amazon Prime Video
O Xperia XZ Premium é resistente á auga

Vídeo promocional do Xperia XZ Premium

PUBLICIDADE