O YotaPhone 2 poderá mercarse por 700 euros

mércores, 3 de decembro do 2014 Marcus Fernández

O curioso YotaPhone 2, smartphone que destaca por contar cunha pantalla AMOLED convencional e outra complementaria baseada en tinta electrónica co que consegue un mellor comportamento en exteriores e unha grande autonomía, é por fin unha realidade, e comeza a venderse no Reino Unido por 555 libras esterlinas (uns 707 euros) confirmándose tamén che estará dispoñible para o público español este mesmo mes a un prezo de 700 euros.
Estamos ante un terminal móbil moi curioso, do que xa se coñecen as súas especificacións técnicas completas. O smartphone funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 de 4 núcleos a 2,2 GHz, 2 Gb de RAM e 32 Gb de almacenamento interno, e como factores máis rechamantes ten que á súa pantalla AMOLED Full HD de 5 polgadas está complementada por unha pantalla de papel electrónico táctil de 4,7 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles e 16 tons de gris. Ambas pantallas están protexidas por Corning Gorilla Glass 3.
Amais, este potente móbil LTE conta con cámaras de 8 e 2,1 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, NFC, GPS, radio FM e batería de 2.500 mAh que pode cargarse sen fíos, de xeito que sería un terminal que corrixiría as eivas do seu modelo anterior (que tiña unhas prestacións bastante discretas) e incluso destaca polo feito de conseguir conter o seu grosor en 8,95 milímetros e o seu peso en 145 gramos pese a ser un dispositivo con dúas pantallas.
O feito de permitir un uso completo do smartphone a través dunha pantalla de tinta electrónica é un importante avance, que resulta especialmente axeitado para poder acceder de xeito eficiente a notificacións das redes sociais, información meteorolóxica, amosar a hora... detalles que nas pantallas tradicionais supón un dos principais consumos dos smartphones actuais. Ao contar cunha pantalla AMOLED, os usuarios do YotaPhone 2 non se verían illados de contidos multimedia e aplicacións moi dinámicas, podendo elixir cando empregan unha pantalla ou a outra, en función principalmente da demanda que teñan dunha maior autonomía do seu dispositivo móbil.

A tecnoloxía de papel electrónico pode supor un importante incremento de autonomía dun smartphone


Vídeo coa presentación oficial do YotaPhone 2 no que podemos ver o funcionamento deste prometedor smartphone

PUBLICIDADE