O YotaPhone 3 incorporará unha segunda pantalla de tinta electrónica de 5,2 polgadas

xoves, 24 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos un fabricante ruso conseguiuse gañarse o respecto de público e crítica cos seus revolucionarios produtos, os smartphones YotaPhone, que estrearon a súa primeira xeración en 2013, sorprendendo ao mundo coa súa proposta de integración dunha pantalla LCD a toda cor acompañada por outra pantalla con tecnoloxía e papel electrónico, que permitía minimizar o acendido da pantalla principal amosando información como a hora na de papel electrónico, sendo tamén unha opción moi interesante de quere empregar o dispositivo tanto para unha lectura prolongada como para a lectura en exteriores.
A segunda xeración dos YotaPhone chegou a finais de 2014, cunha pantalla AMOLED Full HD de 5 polgadas como principal e unha pantalla de papel electrónico secundaria de 4,7 polgadas cunha resolución de 960 x 540 píxeles, que sen ser unha marabilla, impresionou a moitos usuarios. Pero este produto chegou ao mercado a un prezo un tanto elevado, e non conseguiu a súa boa sona até bastantes meses despois, cando a través de distintas ofertas podía adquirirse a prezos moi próximos aos 100 euros (chegando a estar puntualmente por debaixo de tal prezo) o que levou a moitos curiosos a darlle unha oportunidade e descubrir que estaban ante unha tecnoloxía revolucionara que realmente pagaba a pena, de aí que agora teña bastante sentido o anuncio do YotaPhone 3, un smartphone moi interesante que inicialmente vai comercializarse en China e Rusia a partires do 18 de setembro a un prezo de 21.500 rublos (308 euros) con 64 GB de almacenamento e 27.900 rublos (399 euros) para o modelo con 128 GB de almacenamento, prezos que parecen bastante razoables para un smartphone con pantalla AMOLED de 5,5 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 625, 4 GB de RAM, cámaras de 13 e 12 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais, batería de 3.300 mAh que pode cargarse por USB-C e sistema operativo YotaOS 3.0 (baseado en Android 7.1.1) que integran unha pantalla de tinta electrónica de 5,2 polgadas na súa parte traseira, que poderá convencer a moitos para emprega este dispositivo tanto como un smartphone con magnífica autonomía así como unha alternativa aos lectores de libros electrónicos.

O YotaPhone 3 conta cunhas especificacións propias dos smartphones chineses de gama media, pero co reclamo de integrar unha pantalla de tinta electrónica coa que outras marcas aínda non compiten

PUBLICIDADE