O alcalde de Santiago congratúlase da decisión de emprazar a AESIA en Galicia
mércores, 7 de decembro do 2022
O
Concello de Santiago, a través do seu alcalde Xosé
Sánchez Bugallo, emitiu un comunicado relativo á decisión do
Goberno de emprazar na nosa terra (na Coruña) a sede da Axencia
Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. O rexedor
congratulouse desta histórica decisión, que culmina un importante
traballo despregado en apoio á candidatura herculina, non só dende
A Coruña senón dende cidades como Santiago: "Nós contribuímos
cos medios que tiñamos ao noso alcance para apoiar a alternativa de
A Coruña e congratulámonos de que a Axencia Española de
Supervisión da Intelixencia Artificial se instale en Galicia".
Con estas palabras, o alcalde celebrou a decisión do Consello de
Ministros de emprazar este órgano en Galicia no marco do proceso de
descentralización administrativa.
Explica
o alcalde que, desde o minuto un “dixemos que, non sendo Santiago,
a candidatura preferible era A Coruña” motivo polo que,
“reivindicando o papel de Santiago como capital de Galicia” desde
o momento en que o Nodo GalicIA escollera a cidade herculina como
candidatura galega, e “a pesar de diferir no proceso de elección”
decidiuse apoiar unha candidatura única retirando a de Santiago e
poñendo a disposición desa candidatura os recursos de Compostela.
Tanto
é así, dixo, que, moitos dos elementos que se empregaron para
xustificar a candidatura coruñesa enmárcanse dentro do termo de
Santiago e, polo tanto, ían ser empregados na proposta compostelá:
desde servizos de titularidade autonómica como o Centro de
Supercomputación de Galicia ou a AMTEGA; outros dependentes da USC e
incluso o aeroporto Rosalía de Castro.