O alumnado da USC xa pode solicitar a súa certificación académica en formato electrónico

xoves, 8 de xuño do 2017 Redacción

Unha vista do Campus Vida de Santiago dende a Alameda

A Universidade de Santiago anunciou hoxe que os seus alumnos xa poden levar a cabo as solicitudes das súas certificacións académicas a través do formato dixital, “empregando os dispositivos que sexan da súa preferencia e mediante o uso da sinatura electrónica”. Máis polo miúdo, posibilítase efectuar a través de computador, smartphone ou tableta, a solicitude, o pagamento e a obtención dos certificados oficiais. Segundo sinala a USC, a certificación electrónica pon en xogo meirandes rapidez e axilidade, “xa que a agora é posíbel acceder e descargar en formato dixital o documento dende a secretaría virtual”.
Ademais, o servizo achegará unha ligazón á sede electrónica da USC onde estará dispoñíbel de xeito permanente a súa certificación persoal accedendo co código seguro de verificación (CSV).
A USC lembra que o documento é válido para presentar ante calquera institución, organismos ou empresa como acreditación dos estudos cursados na institución académica compostelá, verificábel na sede electrónica universitaria co CSV.
En materia de seguridade, a USC sinala que as certificacións académicas con sinatura electrónica son documentos seguros e comprobábeis polo “que xa non será preciso compulsalos, procedemento que se simplifica a través do código seguro de verificacións, o cal permite comprobar o documento en web”.

PUBLICIDADE