O alumnado de bacharelato do Liceo A Paz coñece as tecnoloxías avanzadas do CITIC

martes, 22 de novembro do 2022 S. P.

O pasado mércores 16 de novembro, a sede en Elviña do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) recibiu a visita dun grupo de nove estudantes e dúas profesoras de bacharelato do CPR Plurilingüe Liceo A Paz da Coruña, para coñecer a actividade do centro. A visita empezou cunha presentación do CITIC por parte do responsábel de Sistemas do centro, Alejandro Mosteiro. Logo, os estudante acudiron ao CPD (Centro de Procesado de Datos) para coñecer en detalle o seu funcionamento.
Continuaron co novo laboratorio de Realidade Virtual e Localización, no que se levou a cabo unha unha demostración do Optitrack, un sistema de captura de movemento baseado en cámaras, e presentouse o equipo de Realidade Virtual e Realidade Aumentada, con equipamento que permite a marcha sen desprazamento para simular camiñar por escenarios virtuais.
A continuación, os estudantes acudiron ao laboratorio de Impresión 3D, onde o responsábel de Sistemas explicou as diferentes tecnoloxías de fabricación aditiva coas que conta o centro; puideron ver en marcha a impresora de extrusión de filamento e aprenderon como funciona a impresión SLS (sinterización selectiva por láser) e o postprocesado a través da estación de recuperación de po, que permite a reutilización do material de impresión.
A visita finalizou no Demostrador Tecnolóxico para probar algunhas das contornas de realidade virtual desenvolvidos no centro no ámbito da tecnoloxía aplicada á saúde. Tamén tiveron a oportunidade de interactuar con varias propostas comerciais orientadas ao lecer.

Os participantes na visita reunidos na entrada do CITIC

PUBLICIDADE