O alumnado do IES Eusebio da Guarda fórmase en PLN e Realidade Virtual da man do CITIC

mércores, 7 de decembro do 2022 S. P.

O pasado 30 de novembro a sede do CITIC no Campus de Elviña (Centro de Investigación TIC da UDC) recibiu a visita de estudantes de bacharelato do IES Eusebio da Guarda. Por certo que o alumnado que tivo ocasión de coñecer as investigacións e os recursos humanos e tecnolóxicos do CITIC iniciará este curso a súa participación no programa STEMbach da Xunta desenvolvendo un proxecto de investigación en Procesamento da Linguaxe Natural (PLN).
De feito, a visita das e dos estudantes, que comezou cunha presentación do CITIC na que se detallaron diferentes ámbitos de aplicación das investigacións realizadas no centro, serviulles para preparar a fondo os alicerces do seu proxecto, xa que a PLN é unha das liñas de traballo do centro coruñés.
Logo da recepción e a presentación, o responsábel da unidade de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, mostrou algúns dos proxectos expostos no Demostrador Tecnolóxico, centrándose especialmente na robótica e a Realidade Virtual. O alumnado tivo a oportunidade de probar varias contornas de Realidade Virtual realizados no centro aplicados ao ámbito de discapacidade.
A continuación, as/os participantes acudiron ao CPD (Centro de Procesado de Datos) e o percorrido finalizou nos novos laboratorios de Realidade Virtual e Localización e Impresión 3D.

PUBLICIDADE