O alumnado do Servizo de Audiovisuais de Lugo implicarase contra a violencia de xénero

xoves, 21 de novembro do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo, a través do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais (antiga Fundación TIC), está a impulsar unha completa liña de acción para celebrar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, este 25 de novembro. O programa, dado a coñecer hoxe pola deputada da Muller e Igualdade, María Loureiro, acompañada do alumnado do centro formativo do SdeA, leva consigo a implicación de boa parte dos concellos da provincia (45 de 67). As reivindicacións xa deron comezo este xoves, co despregue dunha pancarta na fachada do pazo provincial, co lema Non é Non. O groso das actividades concentrarase o día 25, a desenvolver en colaboración estreita co Concello de Lugo.
O Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación involúcrase un ano máis na organización e difusión desta iniciativa, polo que a comunidade de estudantes de primeiro de Produción será a encargada de deseñar e dirixir a cuarta marcha En Camiño contra as Violencias, unha andaina que terá continuidade nas redes sociais (con material audiovisual diverso do SdeA) e á que convidan a toda a cidadanía, tal e como se fixo nas tres edicións anteriores con “grande éxito de participación”, segundo explicou María Loureiro, engadindo que a marcha arrincará ás 11.30 horas do Centro de Formación, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, onde as e os participantes recibirán camisetas e paraugas negros co lema da campaña.
Práctica en escenario real
En Camiño contra as Violencias recolle por cuarto ano consecutivo as propostas do alumnado de 1º de Produción do Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación, que se ocupará tamén do desenvolvemento da marcha. Segundo se fixo saber hoxe, trátase da súa primeira práctica nun escenario real, malia que levan só dous meses de formación en novas tecnoloxías ao servizo das linguaxes audiovisuais. “A actividade”, engadiu a deputada, “esíxelles un complexo traballo de planificación e preprodución coa organización de diversas actuacións e actividades, así como a elaboración de todo o material”.

PUBLICIDADE