O audiovisual galego viaxa ata Toulouse da man de Rascayú

luns, 10 de setembro do 2012 Raquel Noya

Cada ano, dende hai máis de dúas décadas, celébrase en Toulouse (Francia) un peculiar foro de coprodución de series de animación para televisión, no que produtores de toda Europa teñen a oportunidade de presentar os seus proxectos perante compradores e investidores que andan á procura de pezas para emitir.
O Cartoon Forum de Toulouse, como se fai chamar o evento, celebra este ano a 23ª edición, e do 11 ao 14 de setembro recibirá a preto de 800 profesionais procedentes de 32 países, entre os que se atopa o noso.
As produtoras galegas Otiiplanet Group e AbanoProducións, as únicas representantes da nosa Comunidade, acoden ao festival con Rascayú, unha serie de animación para TV cun formato de 26 capítulos de 6 minutos de duración, destinado ao consumo familiar.
Trátase do primeiro proxecto de animación de produción propia da firma coruñesa Otiiplanet Group, que ten a Abano Producións na produción executiva e que contou co apoio da AGADIC e do ICAA, máis coa colaboración da CRTVG.
Ata Francia, onde agardan ter boa acollida por parte do sector, viaxan da man do CLAG, que en 2010 asinou un convenio de colaboración para elevar o nivel de internacionalización das empresas do sector e que se materializa en iniciativas como a presente.

PUBLICIDADE