O bloqueo estadounidense a Huawei podería relaxarse en breve

xoves, 10 de outubro do 2019 Marcus Fernández

No marco do G20 o presidente dos EE.UU. asegurou que levantaría o bloqueo a Huawei, pero en todos estes meses non fixo tal, polo que os novos produtos estrela da compañía chinesa, os Huawei Mate 30, carecen dos servizos de Google e incluso están a padecer bloqueos activos que practicamente fan que estes terminais non poidan venderse fóra de China, o que aplicaríase a todos os dispositivos futuros con Android da marca, de xeito que, por exemplo, poderiamos ver como o esperado Huawei Mate X (único dispositivo que competiría polo momento co Samsung Galaxy Fold) non chegaría ao noso mercado, freando claramente a competencia e a innovación, o que non resulta nada desexable. Pero finalmente a situación vai camiño de solucionarse, e The New York Times asegura que a administración Trump está a piques de emitir as licenzas que autorizarían a algunhas empresas estadounidenses a subministrar bens non sensibles a Huawei.
O diario norteamericano asegura que Trump celebrou unha xuntanza a semana pasada na que deu luz verde á aprobación das licenzas para que as empresas estadounidenses poidan sortear o bloqueo imposto a Huawei nos EE.UU.
Esta medida teríase aprobado para relaxar as relacións comerciais con China, un dos países cos que EE.UU. está metido nunha dura guerra comercial que principalmente está a xogarse no terreo arancelario, o que está a ter grande impacto no sector tecnolóxico, e que incluso podería levar a un importante incremento dos produtos de electrónica de consumo, xa que as principais fabricas dos produtos comercializados en territorio americano están situadas en China e, polo tanto, sometidos a un novo marco de gravames de importación.

PUBLICIDADE