O casco de realidade aumentada Magic Leap 2 verá a luz en setembro

venres, 15 de xullo do 2022 Marcus Fernández

En 2018 o casco de realidade mixta Magic Leap One sorprendeu ao mundo co seu potencial, xa que a tecnoloxía empregada para proxectar imaxes fronte aos ollos do usuario era o mellor que había até o momento (aínda que cun ángulo de visión moi reducido), e aínda que a moitos decepcionase que esta tecnoloxía non conseguise avanzar tan rápido como para chegar ao grande público, continúa a progresar, e o vindeiro 30 de setembro abrirase a venda nos EE.UU. das Magic Leap 2.
Estamos ante un produto que non está orientado ao mercado de consumo, polo que agora promociónase como unha plataforma de realidade aumentada para empresas, e o seu modelo básico venderase a 3.299 dólares, mentres que a versión para desenvolvedores custará 4.099 dólares e a que versión corporativa custará 4.999 dólares, deixando claro que non estamos ante un produto para o grande público, senón para atender a demandas moi específicas.
As Magic Leap 2 ofrecen unha vez máis unha das tecnoloxías de visualización de realidade aumentada con maior calidade de imaxe do mercado, conseguindo que o casco sexa lixeiro ao trasladar as funcións de cómputo a un módulo exterior. Esta tecnoloxía permite un campo de visión cunha diagonal de até 70 graos, o que está na liña dos seus competidores, deixando claro que o produto pode resultar interesante (principalmente en contornos profesionais no que a visión tridimensional sexa crucial), pero está moi lonxe do soño dunha realidade aumentada realista e inmersiva.

PUBLICIDADE