O certame de emprendemento de La Caixa conta con 30 candidaturas galegas

martes, 5 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

La Caixa vén de convocar emprendedorXXI, un certame dirixido a elixir e recoñecer as empresas máis innovadoras de España. Dende a nosa terra, a iniciativa conta co apoio do IGAPE. Segundo informa a entidade bancaria, a actual edición rexistrou un 100% máis de participación galega que na pasada convocatoria, a do ano 2011. De feito e para que nos fagamos unha idea, presentáronse ao certame 30 candidaturas galegas.
O certame vén con dúas convocatorias: emprendes XXI e creces XXI. O gañador de emprendesXXI obterá 5.000 euros e terá acceso a diversas actividades de formación e traballo en rede (networking) na Universidade de Cambridge e máis en Silicon Valley. Das 30 firmas galegas participantes en emprendedorXXI, o 60% teñen o seu emprazamento na Coruña, o 23% en Pontevedra, o 10% en Lugo e o 7% en Ourense. Por sectores de actividade, salienta por enriba de calquera outro o das tecnoloxías da información, cun terzo das candidaturas. A media de vendas en 2011 destas empresas foi de case 500.000 euros.
Segundo informa La Caixa, a devandita entrega de premios de emprendesXXI (o vindeiro 13 de xuño) será presidida polo conselleiro de Economía, Javier Guerra. Como dixemos, amais de emprendesXXI para iniciativas de mercado en fases iniciais, hai outra categoría: crecesXXI para empresas afianzadas con potencial de medre. Esta segunda modalidade, convocatoria única de ámbito estatal, diríxese a firmas cunha traxectoria de entre 2 e 7 anos. O gañador de crecesXXI recibirá unha achega de 100.000 euros, o segundo clasificado de 40.000 e o terceiro de 25.000. O obxectivo do concurso (por enteiro) é identificar, recoñecer e acompañar ás empresas innovadoras de recente creación con meirande potencial de crecemento. A cita galega será o vindeiro 13 de xuño en Santiago, no salón de actos do Centro Cersia, na avenida do Alcalde Raimundo López Pol.

PUBLICIDADE