O comercio de Lugo envórcase nas TIC para a súa nova campaña de Nadal

martes, 3 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este martes presentouse na sede da Deputación de Lugo (o Pazo de San Marcos) a nova iniciativa de promoción da Federación Galega de Comercio para as datas próximas do Nadal, unha estratexia novamente ligada ás redes sociais e cun forte compoñente tecnolóxico (anímase á participación integral da cidadanía a través dos seus móbiles e tabletas, seguindo o ronsel de éxito das anteriores edicións). A campaña deuse a coñecer baixo o epígrafe Neste Nadal o comercio local, tamén dixital.
Participaron (entre outros) o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, o presidente da Federación, José María Seijas, e o concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Mauricio Repetto. Tomé reivindicou os establecementos de proximidade por ser “un motor importante da economía da provincia”, en tanto que xeran máis de 20.000 empregos e representan en torno ao 13% do Produto Interior Bruto (PIB). Tamén salientou a vontade do sector por transformarse e aproveitar ao máximo as novas tecnoloxías para achegarse á cidadanía, renovarse e facerse máis rendíbel e competitivo.
A campaña, que conta co apoio da Deputación, está dirixida aos consumidores e encamíñase a fomentar o pequeno comercio a través da venta online. José María Seijas, presidente da agrupación de comerciantes, explicou que se sortearán 10.000 euros en premios distribuídos en 20 tarxetas prepago regalo de 300 euros e outras 20 de 200 euros, que deberán utilizarse para volver a mercar nos establecementos lucenses de proximidade.
“Dende a Deputación de Lugo apoiamos todas as campañas a favor do pequeno comercio porque é garantía de calidade, polo seu trato próximo e porque o sector é un importante motor da nosa economía”, engadiu Tomé. Na presentación da campaña, que concluíu coa visita a comercios da cidade amurallada adheridos á campaña, participou tamén Javier Soto, director territorial de ABANCA en Lugo.

PUBLICIDADE