O consorcio Eco-Smart Batt impulsa dende a nosa terra os compoñentes das baterías do futuro

venres, 4 de xuño do 2021 Pedro Pérez

O consorcio Eco-Smart Batt organizou este 3 de xuño un webinar para dar a coñecer o seu proxecto. Debulláronse as súas claves e obxectivos para investigar a fabricación 4.0 sustentábel de nanocompostos e ionoxeles para baterías de alta densidade enerxética e con menor custe, que impulsen a electrificación do sector da mobilidade.
O proxecto, liderado por Ferroglobe Innovation, conta cun consorcio formado polas empresas galegas ABCR Labs, Ártabro Tech, ENSO Innovation e o Centro Tecnolóxico CETIM con sede en Culleredo, e está financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) ao abeiro do programa Fábrica do Futuro Intelixente e Sostible.

Unha captura da presentación online do proxecto

Lembrar que as baterías ión-litio (LIBs) permiten alcanzar altas densidades enerxéticas con longos tempos de vida; sendo a natureza química dos materiais que conforman o cátodo, o ánodo e o electrólito da cela un aspecto clave á hora de determinar o rendemento enerxético, os custos e as emisións de CO2 da batería.
Neste contexto, Eco-Smart Batt buscará mellorar de xeito considerábel a densidade enerxética, o custo e a sustentabilidade das baterías ión-litio a través de novas investigacións en fabricación intelixente de materiais e as súas combinacións sinérxicas, así como a investigación en tecnoloxías de monitoraxe, control e simulación que permitan deseñar procesos de produción máis eficientes e rendíbeis, facilitando a evolución e a transformación do sector transporte cara á sustentabilidade, a descarbonización e a drástica redución de emisións.
Esta investigación de I+D+i está en liña co Pacto Verde Europeo que ten por obxectivo a transición do sector transporte cara a tecnoloxías sostibles e climaticamente neutras. Eco-Smart Batt é un proxecto financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e co-financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (PO FEDER Galicia 2014-2020), a través do Programa Fábrica do Futuro.

PUBLICIDADE