O curso autonómico Format-e adestrou en internacionalización dixital a máis de 400 profesionais

mércores, 13 de abril do 2022 S. P.

A Consellería de Economía fixo balance da actividade xerada a través do curso Format-e, impulsado dende o IǴAPE. Segundo informou, facilitouse formación nos procesos de internacionalización dixital nos novos escenarios post-COVID a máis de 400 profesionais de empresas galegas de diferentes sectores inscritos.
O curso ofrecido pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que vén de concluír logo de impartirse 30 sesións en dez módulos, deseñouse para dar a coñecer as bases destes procesos de busca de novos mercados a través de ferramentas dixitais, permitindo aos participantes adquirir coñecementos e competencias sobre diversas materias. Entre estas, poden destacarse a elaboración de plans estratéxicos dixitais, a intelixencia competitiva, a contorna legal, a mercadotecnia dixital, a comunicación e a publicidade, os modelos de distribución de comercio electrónico, as operacións no negocio dixital, os mercados dixitais, a negociación internacional ou as xestións aduaneiras.
O curso permitiu tamén afondar nos programas de axudas para impulsar a internacionalización, como o Galicia Exporta Dixital, que ten nestes momentos aberta unha nova convocatoria.
A iniciativa engloba tanto cursos especializados como seminarios e seminarios online coa participación dalgún dos máis importantes mercados dixitais do mundo como Alibaba ou Amazon, co obxectivo de “ofrecer formación empresarial para crecer no novo escenario marcado pola pandemia, que ten cambiado a forma de consumir a nivel mundial, cun incremento exponencial do comercio electrónico”.
O programa formativo iniciouse en setembro de 2021 e prolongouse ata este mes de abril. Cada semana incluiu unha sesión temática, en formato en liña e de 45 minutos de duración, que fican dispoñíbeis na plataforma virtual do curso para a súa consulta.
A Xunta engadiu que xa se está a traballar nun novo curso que “afondará nos fundamentos estratéxicos para a internacionalización dixital, facilitando competencias técnicas que permitan aos directivos das empresas xestionar de forma efectiva os seus procesos de espallamento tecnolóxico”.

PUBLICIDADE