O equipo de TIC.gal libera en galego a ferramenta Gapp para o seguimento de incidencias

luns, 23 de decembro do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa pontevedresa TICgal vén de lanzar na nosa lingua a primeira versión dunha aplicación de seu para o software libre de xestión de tecnoloxías GLPI, moi indicado para permitirnos facer monitoraxe de incidencias TIC. Estamos a falar de Gapp, en palabras de TICgal “unha combinación de 12 anos de experiencia no uso de GLPI e un ano de esforzo coa interface de programación do dito software libre e Android”. O resultado é unha ferramenta para o soporte de asistencia de GLPI e con posibilidade de ser usada tanto para usuarios finais como técnicos.
“O noso obxectivo”, aclara o equipo de TICgal (formado por Óscar, Xacobo, Pedro e Iván), “era utilizar a experiencia que adquirimos sobre GLPI, para crearmos unha ferramenta diaria de uso doado para técnicos e usuarios, co fin de informar e administrar peticións utilizando un dispositivo Android”. Entre as principais características atópanse as seguintes: crear novas peticións, engadir seguimentos, tarefas e solucións, recoller enquisas de satisfacción, cargar fotos de cámara, subir arquivos, facer seguimentos e tarefas privadas, modificar o estado dunha petición, seleccionar entidades e perfís, filtrar peticións ou visualizar activos vencellados coas peticións.
Para quen queira saber algo máis da ferramenta sen necesidade de descargala e probala, o equipo de TIC.gal pendurou xa un interesante vídeo explicativo.
Respecto do plano idiomático, Gapp soportaba inicialmente tres linguas (galego, inglés e castelán) pero co apoio de usuarios e comunidade o número de traducións vai medrando e xa están case completas as versións en francés, italiano, ruso e portugués.

PUBLICIDADE