O evento Ciencia Singular da USC converteranos en científic@s por un día

luns, 15 de novembro do 2021 Anxo Sesto

O vindeiro día 20 de novembro, o evento organizado pola Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC, abrirá as súas portas co obxectivo de que a sociedade se sinta parte da actividade científica e tecnolóxica e axude ao seu desenvolvemento, así como para dar a coñecer entre os máis novos o traballo das persoas que investigan nese lugares. O CiQUS, o CiTIUS, o CiMUS e o IGFAE, ofrecerán a posibilidade de visitar as súas instalacións e laboratorios, charlar co persoal, e converterse en parte do equipo investigador por un día.
Charlas divulgativas
Diego Peña, María Tomás, Ester Polo e Moisés Gulías, algúns dos científicos e científicas do CiQUS, desenvolverán actividades nos seus laboratorios tales como Conversas cos nosos investigadores, nas que darán a coñecer o seu traballo habitual no centro e as últimas novidades das súas investigacións.
Por outra banda, o CIMUS organizará charlas divulgativas da man de grandes especialistas en terreos científicos. Entre outros, Ángel Carracedo falará sobre a medicina personalizada e Fernando Domínguez resolverános a dúbida de se o cancro é unha enfermidade hereditaria.
No programa do centro de novas tecnoloxías intelixentes CiTIUS poderemos atopar conferencias do grupo de investigación sobre novidades desenvolvidas no centro, incluídas temáticas relacionadas coa Intelixencia Artificial, impartidas por María José Carreira; ou sobre a chegada das supercomputadoras Exascale, por Juan Carlos Pichel.
O IGFAE presentará diferentes charlas informativas a través de Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa, que serán retransmitidas en directo na canle de Youtube do IGFAE á vez que teñen lugar no centro.
Científic@s por un día
A través de obradoiros como Xogando coa química do CiQUS, os cativos e cativas descubrirán a importancia das cores na química. Na acción Infiltrados no Laboratorio, os asistentes comprenderán o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.
Entre os obradoiros de Ciencia Divertida, propostos polo CiMUS para os máis pequenos, estará aprender a elaborar dentífrico natural ou coñecer máis cousas sobre o pH. Tamén se ofrecerán obradoiros divulgativos sobre ilusións sensoriais e plaquetas, para un público máis maior; e un tour virtual polas instalacións do CiMUS para os máis curiosos.
A aposta do CiTIUS para esta quinta edición de Ciencia Singular será a presentación da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Desta maneira, a xornada mostrará como o CiTIUS está a contribuír con estes obxectivos seguindo unhas pautas: unha Intelixencia Artificial (IA) ética e transparente, algoritmos de seguimento de obxectos, máquinas que entenden a linguaxe humana... Esta xornada tamén servirá para aproximar a robótica á xente.
O IGFAE permitirá coñecer como funcionan as súas instalacións de forma práctica. Para os máis pequenos haberá un obradoiro sobre gravidade no espazo, e aprenderán conceptos relacionados co espazo-tempo. Os máis maiores, por exemplo, poderán observar as partículas cósmicas que caen á Terra continuamente a través de cámaras de néboa. A xornada rematará coa exposición dunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar isótopos en tres dimensións.

PUBLICIDADE