O filme galego Cuñados chega ás principais plataformas dixitais

venres, 8 de outubro do 2021 S. P.

Cuñados, o filme con máis éxito de recadación e máis visto en Galicia deste ano, xa está nas plataformas dixitais. A película, protagonizada por Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez, poderá verse o domingo ás 9:55 horas en Movistar Estrenos 2. Tamén está xa dispoñíbel en DVD e en Filmin, Vodafone TV, Apple, Google, Amazon Prime Video, Rakuten TV, Sala virtual de Cine e Orange TV.
Producida por Alfonso Blanco de Portocabo, Cuñados é unha comedia de enredo sobre as peripecias delictivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado.
Cuñados conta con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do panorama cinematográfico galego como son Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Eva Fernández, Iolanda Muíños, María Vázquez e Federico Pérez Rey.
Na historia, Eduardo (Miguel de Lira) e o seu cuñado Sabonis (Xosé A. Touriñán) acaban de meter a pata nun dos seus negocios e necesitan diñeiro. Moito diñeiro. Será Sabonis quen atope a solución ao problema secuestrando a Modesto (Federico Pérez Rey), cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar nin un euro polo seu cuñado.
Cuñados é unha produción de Portocabo que conta coa participación de RTVE e Televisión de Galicia e coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). En Cuñados colaboraron a Deputación de Ourense e D.O. Ribeiro e está rodada integramente na provincia de Ourense. Filmax encárgase da distribución en España, así como das vendas internacionais.

PUBLICIDADE