O iPhone 13 podería facilitar comunicacións por satélite

luns, 30 de agosto do 2021 Marcus Fernández

Nunha nota do analista Ming-Chi Kuo a investidores de cara ao próximo lanzamento do iPhone 13 indícase unha característica realmente sorprendente, pois consistiría en que os novos smartphones de Apple integrarán compatibilidade coas comunicacións de satélites de baixa altura, o que permitiría a realización de chamadas e o envío de mensaxes en zonas sen cobertura 4G ou 5G.
Segundo Kuo, o iPhone 13 contaría cun chip Qualcomm X60 personalizado que abriría a porta ás comunicacións vía satélite, detallando incluso que outros fabricantes pretenden facer algo semellante en 2022, polo que agardarán ao lanzamento do chip Qualcomm X65, que xa incluiría esta tecnoloxía de serie.
Polo momento esta tecnoloxía precisaría da súa contratación con operadores como Globalstar, polo que parece plausible que algúns operadores tradicionais cheguen a acordos co operador satelital para permitir que os seus clientes poidan gozar das novas características do iPhone 13 sen ter que contratar servizos adicionais.
Non parece que esta forma de comunicación sexa nin óptima nin de uso xeral (de feito, actualmente emprégase para comunicacións de texto en lugares moi afastados), o que lembra á conectividade mmWave, que ten unha dispoñibilidade moi limitada, pero que a longo prazo pode revolucionar certos escenarios (con mmWave teriamos boas comunicacións en localizacións ateigadas de xente, mentres que coa telefonía baseada en satélites de baixa altura chegaríase a onde non hai cobertura de redes móbiles).

PUBLICIDADE