O lector de libros electrónicos Kobo Aura ONE combina resistencia á auga e unha pantalla de 7,8 polgadas

mércores, 17 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Competir cos lectores de libros electrónicos de Amazon parece unha misión imposible actualmente, pero algúns fabricantes ousan facelo e, para diferenciarse, integran prestacións ausentes no Kindle, e así o vindeiro 30 de agosto chegará ao mercado o Kobo Aura ONE a un prezo de 249,99 dólares e que sorprende principalmente por dous detalles: conta cunha pantalla táctil de tinta electrónica de 7,8 polgadas cunha resolución de 1.872 x 1.404 píxeles (300 puntos por polgada) buscando así afastarse dos tamaños dos smartphones actuais (e do Kindle) e inclúe resistencia á auga IPX8, de xeito que podería soportar até 60 minutos a 2 metros de profundidade, ou sexa, que podería levarse con tranquilidade na piscina, na bañeira ou en exteriores, sen medo a que os líquidos poidan estragalo.
O Kobo Aura ONE tamén presume da tecnoloxía de iluminación frontal ConfortLight PRO, que reduce a exposición de luz azul e protexe os ollos para unha mellor experiencia de lectura nocturna; conta con 11 fontes diferentes e máis de 50 estilos de fontes; le ficheiros nos 14 formatos máis populares (EPUB, EPUB3, PDF, MOBI, JPEG, GIF, PNG, BMP, TIFF, TXT, HTML, RTF, CBZ e CBR); conta con conectividade Wi-Fi N e micro USB; a súa batería achégalle unha autonomía de até un mes e entre os idiomas da súa interface figuran o inglés, o portugués e o español entre outras linguas. O grosor deste eReader é de só 6,9 milímetros e o seu peso de 230 gramos, converténdose nun produto bastante cómodo e cunha estética moi coidada, que pode presumir de ser unha das mellores alternativas ao Kindle de Amazon, especialmente por gozar dun tamaño de pantalla lixeiramente superior, o que agradecerán os que pasen moitas horas lendo.

Vídeo de presentación do Kobo Aura ONE

PUBLICIDADE