O legado de Xela Arias enche abril e maio de xornadas online educativas

luns, 26 de abril do 2021 S. P.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou o pasado 24 de abril, pola tardiña, a Xornada das Letras Galegas, un programa online de catro sesións para celebrar a festividade do 17 de maio, que este ano, como lembraremos, vai adicada á poeta sarriá Xela Arias. O ciclo inaugurouse no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), co-organizador do mesmo xunto coa Secretaría Xeral. As sesións teñen o nexo común da súa virtualidade e de achegar a figura, vida e obra da autora anfitrioa deste 17 de maio ao noso profesorado e ao resto da comunidade educativa.
Todas as sesións formativas e divulgativas deste programa desenvolveranse de maneira virtual nas tardes do 22 e 29 de abril e mais do 5 e 13 de maio.
“Esta xornada é xa unha das citas máis agardadas da programación conmemorativa das Letras Galegas, onde docentes, especialistas e artífices de experiencias educativas arredor da figura homenaxeada ou creadores en xeral compartides e poñedes en valor materiais, recursos e creatividade que enriquecen as aulas e fan partícipe ao alumnado da celebración da festa da nosa lingua”, destacou o secretario xeral, Valentín García, na apertura oficial, salientando a oportunidade de “celebrar unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea, autora auténtica, figura transgresora e escritora anovadora tanto na estética como na poética, que sempre situou no horizonte a lingua galega e a dignificou, tamén desde as aulas, ás que dalgunha maneira volve Xela Arias, por medio destas xornadas”.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na inauguración do ciclo sobre Xela Arias

O secretario xeral estivo acompañado de Darío Gil Arias, fillo da autora homenaxeada, e de Henrique Monteagudo Romero, presidente en funcións da Real Academia Galega.
Como dixemos, a través tanto de conferencias como de experiencias de traballo de equipos de dinamización da lingua galega de diversos centros educativos, a Xornada das Letras Galegas 2021 trata de achegar a figura de Xela Arias ao profesorado encargado de divulgar a súa obra entre o resto da comunidade educativa. Alén diso, favorece o intercambio de materiais, recursos e experiencias creados e desenvolvidos polos EDLG.
O programa de sesións abriuse o 22 de abril coas conferencias Vencerse é cousa de se tratar: un achegamento á vida e á obra de Xela Arias, a cargo de Montserrat Pena, e Busco a vida entre papeis. Achegamento á biografía e á obra de Xela Arias, de María Xesús Nogueira, e pechouse coas experiencias dos EDLG do CPR Plurilingüe San Pío X (Ourense) e do CEIP Frei Luís de Granada de Sarria (Lugo).
As actividades, logo da cita inaugural, proseguen o 29 de maio ás 18.00 horas con relatorios de Yolanda Castaño (A aventura de ser unha mesma), Manuel Bragado (Xela Arias no pouso dos afectos), Alejandra Campo Penín (Seminario Galán. Xela Arias, Letras Galegas 2021. Actividades na Rede), e Olalla Liñares (Xela Arias nas Ondas).
O luns 5 de maio será a quenda das conferencias Xela Arias: texto e reverso, a Xela Arias, narradora, a cargo de Ana Luna Alonso e de Ramón Nicolás, respectivamente. Pecharán a sesión as experiencias dos EDLG Festa da Lingua 2021, Non nos amola e Musicando a Xela Arias.
A Xornada das Letras Galegas rematará o xoves 13 compartindo as experiencias dos EDLG, a través dos proxectos gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2021: Xela Arias e as palabras, do CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro de Redondela (Pontevedra), e Abecedáriome: un dicionario desequilibrado para Xela Arias, do IES Plurilingüe de Ames (A Coruña). A elas seguiranlles as propostas didácticas Deconstruír o equilibrio, reconstruír a perspectiva: propostas para abordar a poesía de Xela Arias nas aulas, da man da escritora e Emma Pedreira e a conferencia Dignidade ou como Xela Arias sofre pola terra nosa, a cargo de Anxo Xoán Rajó Pazó.
Esta acción formativa dirixida a docentes está recoñecida enmárcase na programación conmemorativa das Letras Galegas 2021 que desenvolve a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria arredor de Xela Arias.
O profesorado interesado en participar pode inscribirse na web da Consellería de Educación. O programa das xornadas está dispoñíbel en formato PDF no portal Lingua.gal de Política Lingüística.

PUBLICIDADE