O luns presentarán en Compostela os resultados do proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas

mércores, 11 de decembro do 2019 Redacción

A AMTEGA, en colaboración coa Consellería de Medio Rural a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), organiza o vindeiro luns 16 de decembro, a xornada de presentación do proxecto Primare – Inspeccións Intelixentes Avanzadas para a automatización dos controis en campo asociados ás axudas da Política Agraria Común (PAC).
Esta xornada celebrarase en Santiago de Compostela co obxectivo de crear un punto de encontro do ecosistema dixital e agrario de Galicia para que os axentes que participaron na iniciativa compartan cos asistentes os principais resultados, elementos innovadores e leccións aprendidas e se xere un debate e un intercambio de coñecemento sobre cuestións técnicas relevantes. A asistencia a esta xornada é de balde, previa inscrición vía web.
O programa contará coa presenza de representantes da DG Agri da Comisión Europea e do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), expertos no ámbito da Política Agraria Común (PAC), e co subdirector da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, Higinio Gónzalez, experto en medios aéreos non tripulados.
O proxecto Primare - Inspeccións Intelixentes Avanzadas, coliderado pola AMTEGA e a Consellería de Medio Rural a través do FOGGA, ten por obxectivo desenvolver solucións innovadoras para dispoñer de xeito automatizado de servizos de valor engadido para os axentes do sector agrogandeiro, e en particular, para a realización dos controis de campo asociados ás axudas da PAC mediante medios tecnolóxicos (en particular, mediante o uso de medios aéreos non tripulados, e outros sistemas tecnolóxicos).
Trátase do primeiro proxecto de compra pública de tecnoloxía innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario posto en marcha a nivel estatal, que conta cun orzamento de 4 millóns de euros cofinanciado nun 80% con fondos FEDER do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 (POPE) procedentes do Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA para o proxecto CIVIL UAVs Initiative.

PUBLICIDADE