O mando Pro da Switch funcionará en dispositivos con Android 10

xoves, 7 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Cada vez hai máis xogos para smartphone e tableta que están adaptados para permitir o seu manexo con mandos Bluetooth, e dado que é moi probable contar xa cunha consola de videoxogos na casa cos seus respectivos mandos, Android conta dende hai tempo con soporte para os mandos sen fíos da PlayStation 4 e da Xbox One S e X, e agora veñen de dar conta da introdución en Android 10 de soporte para o mando Pro da Nintendo Switch, o que é unha magnífica nova para quen conte con este periférico, xa que así vai poder empregarse non só na consola de Nintendo, senón tamén en dispositivos coa última versión de Android.
Ao estarmos ante un mando con conectividade Bluetooth xa era posible emparellar o mando Pro a dispositivos con Android, pero o seu funcionamento non era axeitado, e coa súa incorporación oficial a Android temos que se recoñece sen problema o mapeado dos seus botóns, de xeito que os xogos de Android recoñecerán correctamente o mando máis tradicional da Nintendo Switch.

PUBLICIDADE