O modelo 5630 XpressMusic de Nokia porase á venda o vindeiro luns

venres, 17 de abril do 2009 Raquel Noya

O Nokia 5630 XpressMusic, do que falamos recentemente na nosa web con motivo da súa presentación (non oficial), xa se poderá reservar a partir do vindeiro luns 20 de abril na tenda en liña de Nokia, por un prezo que ronda os 229€.
Este terminal, que os seus fabricantes definen como “un dos máis agardados do mercado”, pertence á gama baixa/media da nova liña de Nokia, máis conta cun reprodutor de música de gama alta cunha boa calidade de audio e doado acceso grazas ás “teclas dedicadas”, cas que acceder directamente á música e aos vídeos.
Asemade, o modelo achega unha memoria de 4 XB, que permite almacenar ata 3.000 cancións e que é ampliable ata 16 XB coa tarxeta de memoria microSD; tamén é compatible con tódolos formatos principais de música dixital e conta cunha saída de audio de 3,5 mm.
Asemade, grazas á nova e innovadora función Say and Play, controlada por voz, o usuario só ten que dicir o nome do seu artista ou canción favorita para que o móbil a reproduza automáticamente ao momento.
Este modelo de Nokia tamén ofrece unha óptima navegación por Internet, grazas á banda larga móbil de alta velocidade (HSUPA) e á conectividade WiFi, que permite incluse acceder dende o terminal ás redes sociais en Internet.
A tenda en liña da compañía ofrece un amplo catálogo de terminais e accesorios con máis de 300 produtos que permiten sacarlle o máximo rendemento a este ou a outros teléfonos Nokia.

PUBLICIDADE