O novo MID de Gigabyte venderase a 750 dólares

venres, 13 de xuño do 2008 Marcus Fernández

Entre os ultraportátiles de baixo custo e os teléfonos intelixentes están os MID, dispositivos pensados para o uso da Internet nun dispositivo de tamaño medio que achega unha grande mobilidade, pero en vista dos prezos que apuntan actualmente os ultraportátiles sorprende que o Gigabyte M528 MID se vaia vender a uns 750 dólares.
Cómpre destacar que o M528 ten un procesador a 800 MHz, 512 Mb de RAM, 4/8 Gb de memoria sólida, pantalla de 4,8 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, GPS, cámara de 3 Mpíxeles, teclado QWERTY, Wi-Fi, Bluetooth e conectividade 3G (HSDPA) en só 152 x 80 x 22,5 milímetros e 300 gramos de peso, polo que as prestacións do dispositivo son moi elevadas para a súa alta portabilidade, aínda que non parece que compense o elevado prezo ao que pretende comercializalo Gigabyte.
O novo MID de Gigabyte incorpora un completo paquete de aplicacións entre as que se inclúe un navegador web baseado no motor de Firefox 3, Skype, o programa de mensaxería instantánea Pidgin, OpenOffice 2.4 e outros, de xeito que permite levar a cabo a meirande parte das funcións dun ordenador dende case calquera lugar.

PUBLICIDADE