O novo Mac Pro sae á venda a un prezo de entre 6.499 e 61.939 euros

martes, 10 de decembro do 2019 Marcus Fernández

O longamente agardado Mac Pro, anunciado en 2017 e presentado a primeiros de xuño, sae finalmente á venda cumprindo in extremis a promesa de chegar ao mercado no outono. O equipo non chega só, senón que vén acompañado polo Pro Display XDR, monitor profesional de 32 polgadas e resolución 6K cun prezo básico de 5.499 euros (aos que habería que engadir 1.000 euros se queremos que teña con vidro nanotexturizado e outros 1.099 euros se queremos adquirilo cunha peaña axustable, o que sumaría 7.598 euros).
O novo Mac Pro é un equipo destinado a usos profesionais moi esixentes (como a edición de vídeo para cine), de aí que funcione con procesadores Intel Xeon de até 28 núcleos, poida equiparse con até 1,5 TB de memoria DDR4, inclúa 8 rañuras de expansión PCI Express para facilitar a súa personalización, conte con gráfica Radeon Pro de grande potencia, permita a súa configuración cunha tarxeta Apple Afterburner para acelerar o traballo con vídeo e todo iso nunha caixa cun deseño robusto e unha boa refrixeración.
O equipo está dispoñible para a súa venda en formato torre a un prezo que parte dos 6.499 euros e pode chegar até os 61.939 euros, deixando claro que non estamos ante un ordenador de consumo, senón ante un equipo orientado a usos profesionais moi específicos.

PUBLICIDADE