O novo Tablet PC de Clevo combina potencia cun reducido tamaño

martes, 11 de marzo do 2008 Marcus Fernández

Aínda que o fabricante taiwanés Clevo non sexa moi coñecido en España, está claro que pode facerse un oco no mercado dos Tablet PC grazas a equipos coma o seu novo TN120R, que nun reducido tamaño (306 x 224 x 37,5 milímetros) achega elevadas prestacións, pois inclúe un procesador Intel Core 2 Duo T9500 a 2,6 GHz, pantalla táctil de 12,1 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles xiratoria para o seu uso coma Tablet, ata 4 Gb de memoria RAM, disco duro SATA e unha tarxeta de vídeo con soporte para Dual View.
O equipo tamén inclúe gravador de DVD, webcam de 2 Mpíxeles, 3 portos USB, altofalantes, micrófono, lector de tarxetas de memoria, Bluetooth, Wi-Fi, Ethernet, fenda ExpressCard e módulo HSDPA. É compatible con Windows Vista e mesmo ten a opción de integrar un sistema de recoñecemento de pegadas dixitais. O seu peso tamén é moderado, xa que cunha batería de 4 celas pesa 2,1 quilogramos.
Aínda non se coñecen os datos do seu lanzamento en Europa.

PUBLICIDADE