O novo droide de Star Wars inspira un xoguete controlable co smartphone

luns, 20 de abril do 2015 Marcus Fernández

No filme Star Wars: El Despertar de la Fuerza fará acto de presenza nun novo droide que está a causar sensación, BB-8, que durante a semana pasada demostrou nunha convención en California que non estaba feito por ordenador, senón que era unha auténtico robot animatrónico, o que foi recibido con moito agrado, pois producións anteriores tiñan demostrado que interactuar con elementos físicos queda moito máis natural que con elementos xerados por ordenador.

Modificación dunha Sphero por parte de Christian Poulsen

En vista diso, o deseñador industrial Christian Poulsen púxose mans á obra, e colleu unha Sphero (coñecido xoguete con forma de esfera que pode controlarse a través do móbil), incorporoulle un imán para poder adherirlle unha cabeza e pintou o obxecto, conseguindo replicar o BB-8 en miniatura, o que captou bastante atención a nivel mundial e, curiosamente, parece que a propia Sphero estaría a traballar na produción dun xoguete BB-8 baseado no mesmo concepto, para o que xa teñen unha páxina web na que os usuarios poden indicar o seu interese para recibir información sobre o mesmo, e incluso houbo unha tenda de xoguetes en liña que terían publicado accidentalmente a ficha do produto, que tería un prezo de 149,99 dólares (139,63 euros) e chegaría ao mercado o 1 de setembro, con tempo dabondo para anticiparse á estrea do filme de Star Wars (que non chegará á pantalla grande até decembro).

Aparencia que previsiblemente terá o xoguete de Sphero inspirado en BB-8


O BB-8 de Christian Poulsen visto en vídeo

PUBLICIDADE