O patinete eléctrico de Xiaomi mellora a autonomía co seu modelo Pro

venres, 15 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

O Mi Electric Scooter é un dos produtos de Xiaomi de mellor aceptación, dispoñible actualmente en España a un prezo oficial de 399 euros e cunha autonomía de 30 quilómetros que supón todo un punto ao seu favor, pero veñen de presentar unha nova versión deste vehículo que sorprende ao mellorar precisamente o seu punto forte, de xeito que a versión Pro, que venderase a 2.799 iuans (366 euros) consegue unha autonomía de até 45 quilómetros, á vez que tamén integra unha pantalla LED no guiador na que poder ver detalles como a velocidade, o modo de funcionamento e o estado da batería.
Este vehículo persoal que pode moverse até a 25 quilómetros por hora conseguiu converterse no grande referente dos patinetes eléctricos, e sairá á venda en China o vindeiro día 18, descoñecéndose polo momento cando chegará oficialmente a España.

A pantalla no guiador é unha das novidades da versión Pro
Entre as vantaxes dos patinetes de Xiaomi está o poder encartalos para facilitar o seu transporte e almacenamento

PUBLICIDADE