O primeiro casco de realidade virtual Oculus Quest ten os días contados

martes, 10 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

En 2019 Facebook puxo á venda o casco de realidade virtual autónomo Oculus Quest, que sorprendía pola súa proposta totalmente libre de cables, e que funcionaba cun procesador Qualcomm Snapdragon 835 (lanzado ao mercado hai 6 anos). Este casco tivo unha demanda tan inesperada que resultaba case imposible de adquirir, quedando constantemente sen existencias para desesperación dos que querían probar esta experiencia de realidade virtual libre de cables, ao que dende Facebook reaccionaron co lanzamento do casco Meta Quest 2, con máis posibilidades grazas ao seu procesador Qualcomm Snapdragon XR2 e unha importante mellora visual, aínda que o máis destacable sería o volume de unidades que se puxeron á venda, conseguindo colocar no mercado millóns de unidades con poucos problemas de existencias.
O feito de que as Oculus Quest quedasen como un dispositivo menos capaz e cunha base de usuarios moi cativa estaba a ser un lastre para Meta Quest 2, xa que o software tiña que manter a compatibilidade co sistema anterior, algo que vai camiño de rematar, pois Meta está a anunciar que as primeiras Quest xa non recibirán novas características, ou sexa, que a partir de agora só recibirán parches e actualizacións de seguridade até 2024, perdendo incluso o acceso a Meta Horizon o vindeiro 5 de marzo.
Entendemos que moitos xogos novos continuarán a ser compatibles coas primeiras Quest, pero máis cedo que tarde o casco que iniciou a familia Quest pasará a converterse nunha reliquia, aínda que probablemente son poucos os usuarios prexudicados por esta situación.

PUBLICIDADE